Ribadeo celebra este domingo día 18 o Día do Produto Local

Ribadeo prepárase para acoller este domingo o día do produto local cunha mañá chea de actividades na contorna da Praza de Abastos. Arredor das 11.30 da mañá terá lugar a presentación da estratexia participativa EO Alimenta, apoiada pola Fundación Daniel & Nina Carasso e coordinada pola Universidade de Santiago e que conta coa poio do SLG, dos concellos de Ribadeo, Castropol, e Vegadeo, así como a Fundación EDES-Finca el Cabillón e o GDR Oscos-Eo, e o GDR Terras de Miranda. Con esta estratexia preténdese, chegar entre todas as persoas participantes a unha maior autonomía alimentaria a ambas beiras do Eo. As persoas produtoras locais, protagonistas desta estratexia, darán unha rolda para tódolos asistentes.  Unha vez rematada a rolda, Borja Picón amenizará coa súa música e os bares da contorna ofrecerán tapiñas elaboradas con produtos da horta.

Os establecementos participantes son o Bar Taller, cunha milfollas da horta, Bar Prohibido, con espagueti de cabaciño con gambas e espuma de queixo San Simón, Bar Queimada, con empanadiñas de verduras da horta con xamón e roliños de queixo con marmelo, a Ribeira, con tortilla de pisos con ingredientes da horta e O Fumeral, con croquetas de verduras sobre crema de pimentos de piquillo. Tódalas tapas están elaboradas con produtos da horta e terán o prezo dun euro.

Eo Alimenta é unha estratexia de abaixo cara arriba e traballa arredor dos eixos de autonomía, participación e acción integral e reivindica a importancia do proceso, o deseño colectivo e colaborativo do plan, polo tanto, non marca un resultado pechado. Se queres participar podes que enviar un email a eoalimenta@usc.gal