Sesión Formativa Mellora da Calidade dos Procesos Grupais o venres 29

A Estratexia Alimentaria Participativa é un proceso, unha conversa ampla entre entidades, colectivos e persoas que se xuntan para pensar entre todas e todos como acadar unha alimentación máis sostible, máis achegada á terra, en definitiva, máis próxima. Ao longo deste ano estanse celebrando sesións internas e públicas de debate coas que se vai pensado de xeito colectivo cales son as dificultades e/ou alcances dunha estratexia alimentaria.

Esta estratexia baséase na metodoloxía de Investigación – Acción- Participativa onde é a propia comunidade a que vai xerando respostas concretas as diferentes problemáticas que envolven a cadea alimentaria. A través deste proceso procuramos mellorar as condicións económicas das persoas que traballan no campo, comer máis san ou reducir o uso das enerxías fósiles, entre outras cuestións. Con este proceso procuramos aportar alternativas de cambio e transformación, por iso o proceso ten unha duración de máis dun ano. O debate precisa tempo.

Estes procesos son complexos, neles hai dúbidas sobre os alcances, ou tensións polas temporalidades, uns precisan maior axilidade, outros máis calma, isto pode provocar tensións, por iso é importante dar espazo de calidade ao grupo para atender esas demandas ou desexos. A escoita é clave, por este motivo é polo que celebraremos a Píldora Formativa Mellora da Calidade dos Procesos Grupais, que terá lugar o venres 29 de outubro , de 19 a 20:30. na casa de Xuventude de Ribadeo.

Este breve sesión ten como obxectivo abordar uns coñecementos básicos sobre a necesidade de incorporar ferramentas de facilitación grupal nos procesos colectivos. Esta primeira sesión será conducida pola facilitadora Verónica Campos (Melencha), educadora ambiental con 20 anos de experiencia en procesos de participación, educación e comunicación ambiental.

A xornada formativa está aberta a todas as persoas interesadas en incorporar estas ferramentas nos procesos grupais ou para aquelas persoas que desexan facilitar cambios positivos e satisfactorios nas súas organizacións, grupos ou comunidades, dunha forma participativa. Para iso cómpre inscribirse antes do mércores 27 as 20h no email eoalimenta@usc.gal

 

îmaxe recollida en https://pubs.iied.org/sites/default/files/pdfs/migrate/G02061.pdf ilustracións de: Thierry Aubert