ComerEo da horta á mesa consiste no inicio da implementación da Estratexia Alimentaria EoAlimenta, mantendo a aposta pola metodoloxía investigación-acción participativa para a implementación da mesma.
Concretamente, acomete a implementación da acción 2.3 , “Alimentos sostibles para grandes comedores”, en tres fases:
1. Diagnose de capacidades e necesidades do sector produtivo agroecolóxico e dos comedores colectivos do territorio (2022-2023)
2. Posta en marcha do proxecto piloto (2023)
3.Proceso de acompañamento técnico e capacitación (2023-2024).
Transformación/ impactos esperados na nova Fase ComerEo
Dende un punto de vista agroecolóxico, reequilibrar os procesos de demanda de alimentos de proximidade e autosuficiencia da conca alimentaria do Eo.
Contribuír á consolidación e á dignificación dos proxectos de produción agroecolóxica presentes no territorio.
Incentivar a creación e o aumento do número de persoas e proxectos dedicados no territorio á produción agroecolóxica. Isto último, á súa vez, terá un efecto arrastre en relación ao aumento do número de hectáreas dedicadas ao cultivo de produtos frescos así como á recuperación e posta en marcha de terras para o cultivo.
Aumentar e reforzar as alianzas entre os diferentes axentes vinculados directa ou indirectamente ao sistema agroalimentario.
Implicación dos axentes locais
Eo Alimenta contribúe a este proceso transformador a través do acompañamento, a articulación e a coordinación de todos os axentes vinculados ao ecosistema alimentario: proxectos produtivos, público consumidor, axentes da distribución e a comercialización e administracións públicas, cun gran poder de incidencia e transformación no sistema agroalimentario local a través da compra pública responsable.
Esta nova fase do proxecto ComerEo permite aumentar a capacitación e sensibilización de diversos axentes locais como son o alumnado, profesorado, familias e ANPAS de centros educativos, as persoas usuarias doutro tipo de comedores públicos, o persoal laboral de cociñas locais, hostalaría, persoal técnico e político de administracións públicas, etc. Contamos co compromiso do CEIP de Barreiros, o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, o CEIP A Pontenova e o Centro de Hostalería de Foz, así como co apoio de ASCOVE, e o programa Voz Natura.
Organizacións da alianza
Nesta nova fase ComerEo aumenta o número de socios en relación á convocatoria previa e continúan o resto de socios, familiarizados co proxecto e mantendo o seu compromiso co mesmo:
Concellos: Ribadeo, A Pontenova, Barreiros e Trabada en Galicia, e Vegadeo, Taramundi, Castropol, Tapia de Casariego e San Tirso de Abres en Asturias.
Universidade de Santiago, a través do grupo HISTAGRA, Lourenzo Fernández Prieto e Eva Quiroga, e a colaboración do investigador Emilio Carral.
Sindicato Labrego Galego, cun equipo situado na Mariña de Lugo, en contacto directo co sector produtivo local, envorcado na loita pola soberanía alimentaria como parte da Vía Campesiña.
CEDER Oscos-Eo, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento comarcal.
GDR Terras de Miranda, organización sen ánimo de lucro, integrada por un grupo representativo das institucións e axentes económicos da Comarca da Mariña (Galicia).
Fundación Edes, entidade sen ánimo de lucro formada por persoas con diversidade funcional.
Xunta de Galicia (a través da SG de Relación cos GDR).