A Estratexia Alimentaria Participativa Eo Alimenta é un proceso de traballo levado a cabo entre múltiples axentes e persoas vinculadas ao sector agroalimentario na biorexión do río Eo, territorio que abrangue a extensión dos municipios de Barreiros, A Pontenova, Ribadeo e Trabada en Galicia e Castropol, San Tirso de Abres, Tapia de Casariego, Taramundi e Vegadeo en Asturias. O obxectivo deste proceso é o de deseñar unha serie de medidas que contribúan a alcanzar un sistema alimentario sustentable para o territorio, saudable para as persoas e digno para os proxectos produtivos locais que fan posible que nos alimentemos. Con este obxectivo, Eo Alimenta comezou a súa andaina a mediados do ano 2021, e alcanza o seu primeiro fito coa aprobación desta estratexia alimentaria, rematada no mes de marzo de 2022. A Estratexia Alimentaria Eo Alimenta é unha experiencia pioneira a nivel estatal, xa que se trata da primeira das súas características elaborada participativamente entre axentes e poboación de dúas comunidades autónomas.
Podedes consultar a estratexia facendo click na seguiente imaxe.
Durante os meses de traballo adicados a elaborar o documento que aquí se presenta, os diferentes axentes participantes elaboraron unha serie de diagnoses e reflexións en torno ás principais problemáticas, fortalezas, feblezas, oportunidades e ameazas presentes no territorio de cara á construción dun sistema alimentario xusto, saudable e sustentable. Ditas diagnoses permitiron contar coa información necesaria para decidir as medidas e accións que se deben levar a cabo no territorio de cara a poder transitar cara outro modelo de alimentación que sexa coherente co contexto actual, no que exista unha conciencia cidadá en torno á importancia de consumir alimentos agroecolóxicos de proximidade e tempada, no que existan incentivos e estímulos para os pequenos proxectos produtivos, no que poidamos contar cun comercio local vivo e, en definitiva, no que os diferentes axentes que forman parte da sociedade se fagan corresponsables do papel que teñen de cara a poder ter un modelo de alimen- tación local que contribúa ao desenvolvemento humán e económico do territorio.
Entre as principais accións que establece esta estratexia, atópanse i) medidas dirixidas ao fomento da produción agroecolóxica mediante a incorporación de novas persoas produtoras e mediante a articulación dos proxectos agroecolóxicos produtivos xa existentes no territorio; ii) medidas que poñan en valor os produtos locais e impulsen o consumo de alimentos de proximidade por parte de administracións públicas e cidadanía; iii) medidas que aumenten a conciencia da poboación en torno ás aportacións que a alimentación agroecolóxica a base de produtos locais ten na nosa saúde e no noso territorio; iv) medidas que garantan a voz e a participación de todos os axentes da sociedade implicados no sistema alimentario local.
En definitiva, este proceso representa un paso máis no longo camiño cara a autonomía alimentaria pola que múltiples axentes traballan dende hai décadas. A progresiva despoboación do rural, as limitacións produtivas amosadas pola pandemia que atravesamos e as cada vez máis recurrentes crises de subministros e abastecemento de materias primas, poñen de manifesto a necesidade de apostar pola transformación dos modelos de alimentación das nosas sociedades.