Software Engineering

Estudo de percepción social acerca do sistema de produción e consumo local de alimentos.

Durante os últimos meses, varias persoas do grupo motor, levaron a cabo un traballo de deseño e realización dunha serie de enquisas á poboación do territorio vinculada á bacía alimentaria do río Eo, territorio no que se desenvolve este proxecto. O obxectivo de dito estudo foi o de levar a cabo unha análise en relación á percepción social acerca do sistema de alimentación local.

Dito estudo foi realizado durante o mes de xullo de 2021 entre unha mostra reducida de persoas do territorio. Porén, o mesmo ofrece resultados estatísticamente significativos que permiten, por tanto, inferir unha serie de conclusións e que animan a ampliar o estudo de percepción a novos perfiles e ámbitos.

A continuación presentamos as principais conclusións obtidas tras a realización das enquisas, que deron lugar a unha serie de cuestións chave a ter en conta á hora de elaborar a estratexia alimentaria Eo Alimenta e de acometer a súa implementación.

  • Lugar de compra e coñecemento de proxectos locais de produción. Canto maior é o coñecemento de proxectos locais de produción, máis se merca acudindo ao mercado e mercando directamente a ditos proxectos. Porén, canto menor é o coñecemento de proxectos locais de produción, máis se merca en grandes superficies.
  • Lugar de compra e rasgos máis mirados nun produto. Cando a compra se realiza no mercado ou directamente a persoas produtoras, aspecto e prezo do produto son os aspectos máis atendidos pola persoa consumidora, mentres que cando a persoa merca nunha gran superficie ou en tendas especializadas, a orixe e a calidade son os factores fundamentais na elección de compra. Esta relación semella indicar que as persoas consumidoras, cando están seguras da orixe e calidade do produto (no mercado ou na compra directa a persoas produtoras), prestan atención prioritaria ao prezo e o aspecto. Pola súa banda, nos lugares de compra onde existe maior diversidade de orixes e calidades (grandes superficies), factores como a orixe e a calidade cobran máis importancia na elección de compra.
  • Acceso a produtos locais e demanda de produto local. A correlación entre estes dous parámetros indica que as persoas que manifestan ter unha maior dificultade no acceso a produtos locais, son as que máis o demandan cando van mercar, polo que se pode inferir unha demanda non satisfeita.
  • Identidade, coñecemento de persoas produtoras locais e beneficios percibidos. As persoas coñecedoras de persoas produtoras locais relacionan os beneficios dos produtos locais coa calidade, a saúde e a promoción do emprego local eidentifícanse en maior medida coa unidade territorial comarcal -por diante do concello, a comunidade autónoma e o estado-.

O estudo sociolóxico levado a cabo e as relacións previamente esbozadas permiten concluir que:

  • O mercado é o principal lugar de compra, sendo máis visitado canto maior coñecemento dos proxectos produtivos locais existe.
  • O mercado é o lugar de referencia e confianza en relación aos factores de orixe e calidade dos produtos. No mercado, as persoas consumidoras ollan aspecto e prezo no produto, considerando que orixe e calidade están garantidas. Pola contra, cando as personas consumidoras visitan as grandes superficies, procuran en primeiro lugar información sobre a orixe e a calidade do produto.
  • Existe unha demanda clara de produto local, xa que a maior demanda de produtos locais nos mercados dase por parte das persoas que manifestan ter dificultades de acceso aos mesmos.
  • Existe unha declaración de sentimento de identidade comarcal por enriba das identidades municipais, autonómicas ou estatais. Ademais, esta identidade asocia beneficios de saúde, xeración de emprego e calidade á produción local de alimentación.
  • O coñecemento de persoas produtoras locais é fundamental, pois establece relacións de confianza.

Grazas a este traballo, hoxe contamos cun maior coñecemento sobre a consideración social que existe no territorio sobre a pertinencia de avanzar cara un modelo de produción e consumo de alimentos máis próximo e sustentable.

Ficha metodolóxica
Lévase a cabo unha primeira fase para o deseño e análise do desenvolvemento da percepción social existente en torno ao sistema de alimentación local, en base a diversas enquisas realizadas para captar factores determinantes como interese, dificultades e evolución. Ditas enquisas deseñáronse e realizáronse durante o segundo e terceiro trimestre do ano 2021.
Previamente ás enquisas propiamente ditas, leváronse a cabo varias reunións grupais para o deseño das mesmas, así como para a definición dos seus obxectivos e da poboación obxecto. Durante as mesmas recóllense e contrástanse opinións, propostas e consultas procedentes de diversos ámbitos do sector (persoas produtoras, investigadoras, consumidoras, …), así como de membros do grupo motor do proxecto da Estratexia Alimentaria Eo Alimenta en curso.
Como mostra (poboación obxecto) para as enquisas, selecciónase como grupo principal o composto polas persoas presentes no mercado local de Ribadeo (tanto consumidoras como responsables de postos participantes), integrado por poboación con diferente procedencia -local e visitantes de fóra da comarca-, ao celebrarse dito mercado en día non laborable e en época estival. Grupo de interese seleccionado para esta primeira fase por ser considerado como un grupo influínte actualmente para o sector produtivo da comarca, decisión reforzada a maiores pola estacionalidade tanto de dito mercado como da presencia dunha elevada porcentaxe de turistas no mesmo, o que limita ao verán as ocasións de acceso a dito sector.
As enquisas realizadas, 30, realízanse case exclusivamente in situ e de forma presencial. En todos os casos a enquisa vai acompañada dunha presentación do proxecto e da definición dos obxectivos do mesmo. Realízase unha valoración moi positiva por ambas partes das enquisas realizadas, cunha duración media de dez minutos e das que se obtén información adicional para complementar e interpretar as enquisas.
Sendo conscientes do gran número de actores (comercio, comedores colectivos, empresas de catering, contratación pública, escolas de hostalaría, etc.) que a maiores contan cun gran potencial como clientes/consumidores de produto ecolóxico e local, xunto co grado de interese das conclusións extraídas tras a posterior análise das respostas obtidas, lévanos a concluir a necesidade de contemplar o traballo levado a cabo como unha primeira fase dun estudo máis amplo que permita contrastar e afianzar conclusiónss, extendéndose o seu alcance a outros grupos de interese xa mencionados.
Así, tendo en conta a súa amplitude e analizadas as conclusiones extraídas, recóllense varias propostas a aprazar para unha segunda fase:
  • A introdución dunha enquisa específica, dirixida ao sector da restauración-hostalaría, cuxo obxectivo principal e o que definiría o fondo/deseño das cuestiónss a plantexar nela sería extraer información referente ao actual uso e ao interese por introducir ou incrementar a utilización de produto local (e/ou ecolóxico), así como de variedades tradicionais por parte do sector, co fin de obter e deseñar ferramentas que nos permitan promover o consumo deste tipo de produtos en beneficio de todos os sectores implicados.
  • En segundo lugar, poderíase valorar o deseño doutra enquisa destinada a  grupos de consumo, onde se pretenda, ademais, coñecer o funcionamiento interno dos mesmos, a súa relación coas persoas produtoras e o seu interese pola produción local.
  • Como terceiro grupo principal, estaría o caso das tendas, comercios e puntos de venda locais (con produto fresco e/ou elaborado), cuxa enquisa podería dividirse en dúas liñas de investigación diferenciadas: i) información sobre o produto ofertado; ii) información sobre o tipo/perfil de clientes.
En ambos casos, os principais medios para a localización dos seus contactos serían as bases de datos das asociacións de comerciantes municipais, e habería que incluír a posibilidade de empregr outras vías para a súa realización (como teléfono, correo electrónico e/ou videoconferencia a través de plataforma telemática). Así, algunhas das variables a ter en conta de cara a futuras fases do estudo serían a necesidade de adaptar o modelo de enquisa (extensión, medio de comunicación, sector específico, anonimato,…) según obxectivos, estado de evolución do estudo, sector da poboación obxeceto de análise, etc.
En canto ás consideracións para a lectura do informe, destaca o uso de táboas e gráficos, empregando como unidade principal a % respecto ao total da mostra seleccionada, complementando e aclarando dita lectura mediante a información recollida durante o desenvolvemento das entrevistas e as conclusións extraídas de xeito conxunto por as persoas membros do grupo.

Otras publicaciones

Logo
Subscríbete a nuestro boletín de novedades para recibir en tu correo las últimas noticias de EoAlimenta:
Ponte en contacto coordinacion@eoalimenta.org
Thank you! Your submission has been received!
Oops! Something went wrong while submitting the form.
Esta web está subvencionada a través da área de Medio Rural,Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.
Update cookies preferences