Permitan o anglicismo empregado no título, mais como é doado imaxinar, simplemente utilizado como chamada de atención, unha vez máis, arredor da importancia social que ten dispor dun sistema autónomo, soberano e ben organizado de produción e distribución de alimentos sans, saudábeis alcanzábel para todas e todos, e con o menor impacto ambiental posíbel, e.g. menor pegada de carbono.
Estas semanas dos meses de xaneiro e febreiro do 2024, as nosas labregas e labregos maniféstanse, entre outras cousas, polos baixos prezos dos seus produtos en orixe, e se é máis preocupante, polo incumprimento da lexislación (lei da cadea alimentar). Manifestaban unha obviade, a inxustiza e a ilegalidade de non poder obter un salario mínimo que lles permita vivir dignamente do seu traballo. Isto é importante? O senso común dinos que si, sempre, e máis cando falamos das persoas que nos dan de comer, entre outros servizos. O problema está cando o sistema de produción define as relacións de produción, redundancia incluída. Cando o sistema está deseñado para que determinados sectores e núcleos de presión, produtivos e non produtivos, móvanse exclusivamente no beneficio económico (monetarista) como o único fin e obxectivo da produción e tráfego de alimentos. E o problema afíase, e cravase como aguillón, cando falamos de alimentación: dereito fundamental.
Como redundávamos, cando o sistema impón as relacións de produción, estamos a organizar unha paisaxe somente á luz exclusiva do beneficio “usureiro” dos centros de interese, apoiados no deseño de políticas claramente articuladas, e alleas ao dereito de alimentación e da produción digna e equilibrada entre os eidos sociais, ambientais e económicos, utilizando consumidoras e produtoras como sinxelos e necesarios elos da cadea de beneficios: o outro tipo de bioeconomía, a que necesita das persoas vivas (sobrevivientes) para fornecer o negocio correspondente.
Cando miramos para “Eo Alimenta” podemos observar que o fundamental son os modelos/relacións de produción. Unha aproximación agroecolóxica, con produtos de perto, de grande calidade nutricional, ambiental e social. As relacións de produción a esta escala crían un sistema equitativo, xerando comunidade e reducindo até o máximo posíbel a pegada ambiental ao acurtar as canles de distribución, tanto dende a perspectiva da importación de insumos (materias primas para alimentación do gando, agroquímicos), como da distribución do producido. E tamén aforra “burrocracia”, a relación de autoconfianza produtor-consumidora non precisa de decretos, reais ou non, que aseguren unha excelente calidade do produto a un prezo digno. Non se trata de promover a volta á procesos de autarquía na produción e comercialización, mais se atendemos ás indicacións xeográficas protexidas, e aos programas internacionais asinados polo Estado, faise evidente que non estamos a contribuír, e si estamos a incumprir, os criterios de sustentabilidade cando importamos produtos procedentes de terceiros países a miles de quilómetros (elevada pegada ambiental), ou sen os controis e niveis de esixencia asinados para a produción interior.
Estas necesidades incluirán tamén o pago dun prezo digno ás produtoras, sexan de onde sexan, e entendemos que indicar os prezos de orixe e modo produtivo, parello ao prezo de venda, sería unha ferramenta importante, cando menos para que a consumidora puidera decidir. Se insistimos en fortalecer o actual sistema no que predomina o agronegocio fronte ao dereito fundamental da alimentación, o futuro pasará pola desaparición da produción local, á que se lle esixe subministro de produto sen asegurar un salario digno. A produción alimentar non pode ser o campo de xogo no que o gañador veña determinado por relacións e normativas “ad hoc” que favorezan o enriquecemento de determinados sectores en detrimento de quen produce, e de que ten dereito a consumir alimentos sans e accesíbeis.
Esta é a proposta que podemos atopar no Eo Alimenta: produción de calidade, ambiental e socialmente responsábel, con prezos equilibrados para as produtoras (salarios dignos) e xustos para as consumidoras (prezos accesíbeis).
Emilio V. Carral Vilariño