Software Engineering

XORNADA DE POLÍTICAS LOCAIS PARA A TRANSICIÓN AGROECOLÓXICA E A SOBERANÍA ALIMENTAR

Políticas Locais para a Transición Agroecolóxica e a Soberanía Alimentar

17 de Abril do 2023

Convidadas polo Sindicato Labrego Galego, este 17 de abril conmemoramos o Día das Loitas Labregas, convocado pola coordenadora La Vía Campesina Internacional dende o ano 1996. A soberanía alimentar e a agroecoloxía xa son o presente, e único camiño para un futuro sustentábel social e medioambientalmente.

A través da xornada “Políticas locais para a transición agroecolóxica e a soberanía alimentar”, que tivo lugar durante toda a mañá de hoxe na Aula da Natureza de Toques (A Coruña), baixo a coordinación do SLG, procuramos fornecer un espazo de diálogo e debate que, a través de análises completadas con experiencias prácticas, contribúa a avanzar na visibilización e desenvolvementodo do modelo labrego agroecolóxico de produción de alimentos a través das políticas públicas, co obxectivo de transitar cara a soberanía alimentar dos pobos.

A Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba, abríu a xornada cunha intervención na que chamou a atención sobre o feito de que a alimentación, tanto no relativo á produción de alimentos como aos seus modelos de distribución, non ocupa, malia á súa importancia trascendental para a cidadanía, unha posición relevante nos programas políticos das formacións que concurren ás eleccións municipais que terán lugar o vindiero mes de maio, estando ausente por completo na meirande parte deles.

A seguir, Vilalba presentou o Pacto de Milán de Políticas Alimentarias, asinado durante a celebración do Cumio do Cambio Climático celebrado nesta cidade italiana no 2015, identificándoo como unha ferramenta na que as administracións públicas se poden apoiar para avanzar no desenvolvemento de sistemas alimentares sustentables, inclusivos, seguros, resilientes e diversificados. A través da súa asunción, os gobernos locais comprométense a proporcionar á poboación unha alimentación saudábel para as persoas e o medioambiente, accesíbel a tódalas persoas. Esta ferramenta de traballo establece un marco de acción baseado nos dereitos sociais, procurando mellorar de xeito significativo na conservación da biodiversidade, mitigando os efectos do quecemento global e reducindo o desperdicio de alimentos.

Avanzando na aproximación a este tipo de políticas alimentarias dende o local como unha cuestión transversal a ámbitos esenciais da acción da administración pública, como é non só o da propia alimentación, senón tamén da saúde, a educación ou a sostenibilidade económica e social, a continuación Nuria Alonso Leal, en representación daFundación Entretantas, puxo en valor a celebración de xornadas como a de hoxe, na que poder traballar dende a voz das labregas e labregos.

Ao tempo que fixo fincapé na importancia dos procesos de diagnose previa á elaboración das políticas públicas en xeral e das alimentarias en particular, Nuria Alonso presentou a Rede de Municipios pola Agroecoloxía, unha iniciativa participativa na que os seus membros desenvolven colectivamente os seus obxectivos, plans de acción e modelo de funcionamento, ca premisa de axudar ás administracións a construír sistemas locais que garantan unha alimentación saudábel, sostíbel e accesíbel ao conxunto da poboación potenciando a xeración de emprego local.

A segunda parte da xornada, articulada baixo o epígrafe “Experiencias locais que camiñan cara a soberanía alimentaria”, deu paso á presentación de realidades para ter como referencia práctica na aplicación de estatexias políticas que permitan avanzar na consecución deste dereito para os pobos.

Eva López Quiroga, técnica superior de xestión do Proxecto Eo Alimenta, deu conta deste proceso participativo, recoñecido o ano pasado co premio Cidades e Pobos que Alimentan, da nomeada Rede de Municipios pola Agroecoloxía. Esta iniciativa, da que formamos parte activa como Sindicato Labrego Galego, procura acadar para a Biorexión Eo un plan que permita articular a produción a pequena escala e/ou agroecolóxica coa extensión de redes e/ou diferentes modelos de comercio local local. Pola vía da diversificación dos sistemas alimentarios neste territorio e a autosuficiencia, a estratexia Eo Alimenta contribúe á transición cara a unha sistema alimentario máis sostible no territorio, centrándose en lograr a participación da sociedade no desenvolvemento colectivo deste plan agroalimentario.

Seguidamente, Eva González Pérez, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia Arnoia, presentou a ferramenta Aterra, que a través do visor aterra.gal procura desenvolver un modelo de acceso á terra que poda ser replicable noutros concellos galegos. A través desta aplicación, completada por unha rede de axentes locais acompañada por un equipo técnico, as persoas que precisan terras poden acudir para localizar un territorio axeitado á súa produción de alimentos, ao tempo que persoas que dispoñen de terras poden ofrecelas tamén a través desta ferramenta, a fin de pór fin ao abandono das terras agrarias no noso país.

Inés Vieites, dinamizadora agroecolóxica no Mercado da Biosfera de Allariz, activo dende o ano 2012, deubullou os numerosos aportes da comercialización de alimentos a través da venda directa das produtoras ás consumidoras nos espazos das feiras e mercados. O control das labregas sobre o prezo dos seus produtos, a posibilidade de proporcionar unha alimentación de calidade sá e de calidade a un prezo mesmo máis asequible que o que a día de hoxe se poden atopar nas superficies comerciais da grande distribución, son algúns dos aportes deste modelo. Son salientábeis tamén os beneficios dos circuitos curtos de comercialización de alimentos no tocante á conservación de terras adicadas á produción de alimentos, así como as repercusións positivas cara ao medioambiente -ao eliminar cuestións como a inxente cantidade de plásticos e materiais que emprega o modelo agroindustrial-, así como para o benestar emocional, ao constituír un espazo de relación social e coidados.

A concelleira de Novas Tecnoloxías e Emprego de Brión, Guarina Rey Vázquez, presentou o proxecto de obradoiro compartido de transformación alimentar activado no ano 2020 polo propio Concello: Transformando en Brión, que conseguíu contribuír a mellorar a economía familiar promovendo o produto local próximo e de confianza, atendendo á demanda actual de produto caseiro e ecolóxico, sendo o primeiro concello en fornecer un espazo destas características.

Esta proposta contribúe ao máximo aproveitamento da alimentación producida na contorna, axudando ás persoas labregas a desestacionalizar os seus produtos, proporcionando formación específica e instalacións que funcionan como cociña e obradoiro alimentar para que canda a venda do produto en fresco as produtoras/es podan tamén transformar, aproveitando os excedentes. Case un cento de persoas están participando deste proxecto, entre elas Esther Roca, produtora do obradoiro, que destacou na súa intervención os beneficios de poder participar nesta proposta colectiva.

Dende o Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, a súa xerente, Fe Álvarez Sánchez, reivindicou que é absolutamente imprescindíbel dar o paso cara sistemas agroalimentarios de baixa enerxía, que non é xa unha elección política, senón unha urxencia imposta polos límites do sistema. O sector da alimentación global consume arestora o 30% da enerxía, destacou Álvarez, pero un terzo dos alimentos rematan no lixo, polo que o sistema alimentario desenvolvido baixo as imposicións da globalización capitalista é absolutamente derrochador de enerxía.

Dende o GDR Montes e Vales Orientais trabállase tamén co obxectivo de activar unha estratexia alimentaria que permita recuperar o mosaico das nosas aldeas, buscando activar as terras agrarias arredor dos asentamentos poboacionais para precisamente producir alimentación para abastecer ás súas habitantes.

Case 80 entidades están implicadas nestes proxectos pequenos pero de grande incidencia, entre os que se atopan o selo Cociña de Ancares Terras de Burón e Grupo Operativo GayAS -que proporciona alimentos vinculando a gastronomía cas produtoras locais e a actividade turística-, ou o fornecemento de alimentos ecolóxicos para comedores escolares, acadando unha forte permeabilidade no territorio.

A xornada “Políticas Locais para a Transición Agroecolóxica e a Soberanía Alimentar” pechou cunha dinámica de traballo interno para a elaboración de novas propostas e futuro, finalizando ca realización dun xantar conformado por produtos agroecolóxicos.

Como conclusións da xornada, o SLG recopilou a información exposta nos grupos de traballo, sintentizándoa na seguintes baterías de propostas dende 4 perspectivas:

1. PRODUCIÓN LABREGA:

  • Precisamos dignificar a produción labrega.
  • Precisamos aumentar a conciencia na sociedade de que as persoas labregas que alimentan á cidadanía realizamos unha actividade esencial e que esta debe de estar coidada desde as diferentes institucións e administracións
  • Precisamos coidar e crear nova comunidades labregas, axudando ás persoas novas que queiran incorporarse.
  • Precisamos aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar as nosas vidas e as nosas producións.
  • Precisamos que nos concellos teñamos persoas de referencia que dean resposta ás necesidades das persoas labregas (asesoramento, tramitacións priorizando as iniciativas agroecolóxicas, axudas, infraestruturas…).
  • Precisamos que se deixe de incrementar a burocracia nas nosas granxas, de feito precisamos desburocratizarnos, e poder seguir producindo alimentos e coidando o territorio. É imprescindible que non se nos impoñan xestións telemáticas obrigatorias, imposibles de asumir para a maioría das persoas produtoras.

2. COMERCIALIZACIÓN E TRANSFORMACIÓN DE PRODUTOS LABREGOS E
AGROECOLÓXICOS:

  • Precisamos ter unha diagnose territorial para avaliar que capacidade produtiva temos no territorio galego, así como dos recursos dos que dispomos. (ver que capacidade e que necesidades alimentarias temos a nivel comarcal).
  • Precisamos unha normativa específica que protexa os mercados de alimentos labregos.
  • Precisamos apoio institucional para manter e ter unhas infraestruturas agrarias, de transformación (matadoiros, salas de despece, obradoiros compartidos…) e de comercialización alimentarias (mercados locais, prazas, feiras de alimentos, locais de almacenamento ou distribución, pequeno comercio…). Cada concello debe asegurar lugares e infraestruturas dignas nos que se garanta o acceso da poboación a alimentos frescos, saudables e nutritivos producidos polos labregos e labregas de proximidade.
  • Precisamos que se invista en campañas de concienciación á cidadanía para fomentar o consumo de alimentos locais e agroecolóxicos (necesidade de dinamizadoras e dinamizadores agroecolóxicos).

3. COMPRA PÚBLICA:

  • Precisamos que se fomente a compra pública de alimentos con criterios de sostibilidade ecolóxica e social, e que se establezan porcentaxes mínimas de alimentos locais e agroecolóxicos (menús escolares, centros de maiores, axuda alimentaria…).
  • Precisamos que se adapte a normativa á realidade galega. Non somos unha industria (adaptar pregos de contratación pública).
  • Precisamos comarcalizar a compra pública para poder facela sustentable a todos os niveis.

4. RELEVO XERACIONAL E ACCESO Á TERRA:

  • Precisamos políticas públicas que favorezan a incoporación de mozas e mozos á actividade agraria ( acceso á terra, á vivenda, á formación, a axudas, a unha renda digna, ao mercado…) así como reformar a lexislación referente ao uso da terra.
  • Precisamos que se apliquen de forma efectiva as leis de ordenación do territorio para mellorar as condicións de vida das pequenas e medianas producións labregas.
  • Precisamos crear unha reserva pública de terras para a xente moza. Aínda que existe unha grande cantidade de terra “abandonada”, na realidade é que moitos proxectos labregos, ou posibles futuros proxectos, teñen dificultade de acceso á terra.
  • Precisamos buscar sinerxías entre as políticas públicas de prevención de incendios forestais e o establecemento de persoas novas na actividade agraria e gandeira.
  • Precisamos plans de formación pública para a as persoas que decidan incorporarse a unha actividade agraria.

Otras publicaciones

Logo
Subscríbete a nuestro boletín de novedades para recibir en tu correo las últimas noticias de EoAlimenta:
Ponte en contacto coordinacion@eoalimenta.org
Thank you! Your submission has been received!
Oops! Something went wrong while submitting the form.
Esta web está subvencionada a través da área de Medio Rural,Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.
Update cookies preferences