O Proxecto Eo Alimenta estivo creando participativamente durante dous anos unha estratexia para que o territorio bañado polo río Eo e toda a súa poboación poidamos alimentarnos no futuro do que produce o noso territorio de forma agroecolóxica. Para esto, concellos, persoas produtoras, sindicatos agrarios, persoas consumidoras, grupos de desenvolvemento local, universidade… traballaron conxuntamente para elaborar este plan que xa podes consultar na nosa web.
Agora toca facelo realidade! E un dos primeiros pasos é crear o Consello Alimentario do Eo, un espazo aberto á participación de calquera entidade relacionada directa ou indirectamente coa alimentación e que servirá de órgano de consulta, asesoramento e supervisión das políticas alimentarias municipais que se leven a cabo no territorio.
Para elo, queremos organizar unhas xornadas inspiradoras nas que animar a todos os axentes do territorio con ganas de incidir e formar parte da construción dun modelo alimentario san, sustentable e local.
Estamos traballando no deseño do programa, que pronto vos faremos chegar, pero de entrada gustaríanos convidarvos a que vos anotedes na axenda que o xoves 22 de setembro pola tarde, en Castropol, terán lugar estas xornadas, para que así poidades participar nas mesmas.